Íscalle Lingua

De Jalisia ó estranxeiro.

Entrevista a Tonhito de Poi!

Filed under: Lingua — 22 de Maio de 2012 @ 16:57

O prometido é débeda, e aquí está a entrevista co gran Tonhito de Poi! Agradecer, como non, a colaboración de Tonhito de Poi con nós.

-Mírese como se mire, sete anos é moito tempo. A vosa volta, pódese deber, entre outras cousas, á morriña de todos os sentimentos que vos producían as actuacións e o grupo en si?
 Si, por suposto que houbo moitos sentimentos que estaban no máis profundo de todos nós que querían saír. Foi tanto o que vivimos xuntos que merecía unha homenaxe compartir tantos anos de Rock and Roll. Sempre digo que un roqueiro é coma un can, cada 4 anos dun can fan 1 dun home, pois cada ano dun roqueiro en activo equivale a 4 dun ser humano normal; vivimos con moitísima intensidade cada acorde.
-Despois de sete anos da vosa retirada dos escenarios, cóntanos, como son as emocións e o contacto cos fans?
Se poidera narrar a emoción que sentín ó por o pe no escenario e ver a reacción da xente sería un Nobel de literatura.
-Cando comezastes  co grupo, eras capaz de imaxinar todo este éxito?
Comezamos no verán de 1992 e sinceramente sempre tivemos confianza en que íamos triunfar.
-A nivel persoal, que supuxo Heredeiros para ti ó longo da túa vida?
Si son Tonhito de Poi é por Heredeiros da Crus.
-De todo o voso repertorio, nós quedámonos con Radio cotilla ou Non quero nada de ti. Serías capaz de elixir unha das vosas cancións, aquela que máis che faga sentir e a que máis recordos che traia?
 Non, sinceramente non. É como se a un pai lle fas elexir cal é o seu fillo preferido.
-En todo o voso repertorio podemos atoparnos co seseo e ca gheada. Moitos artistas galegos cantan en castelán, sen embargo vós sempre mantivestes a propia lingua, a lingua galega. Plantearádelo ou xurdiu de maneira inconsciente?
 Foi inconsciente, non houbo premeditación, nin foi unha iniciativa. Cantamos como poidemos.
-O teu comezo no mundo da música foi producto do azar da vida, ou ti tiñas claro que o que querías era adicarte a iso?
Foi por un soño que tiven cando estaba embarcado. A partir de aí decidin aprender a tocar a guitarra a bordo e encanto tocaba 4 acordes cun pouco de xeito xuntei á banda.
 -Levas enriba unha gran traxectoria musical, pisaches miles de escenarios e estiveches en mil e un lugares diferentes. Algunha anécdota que che gustaría destacar de todos estes anos?
Unha pedrada que me deron en Ferrol e sacáronme nunha ambulancia ata o hospital, cando cheguei o médico quería ir ó concerto pero estaba de garda, así que canteille unha canción e regaloume un traxe de enfermeiro. Ó ano seguinte toquei con el no mesmo sitio e saíu a famosa frase: “Quen esté libre de pecado que tire a primera pedra, pero na última canción”
-A maioría dos galegos medramos co Xabarín, e polo tanto as cancións de Heredeiros tamén formaron parte da nosa infancia. Supoñemos que é difícil de explicar, pero que se sente sabendo que as vosas cancións son capaces de transmitirlle tanto a tanta xente?
É emocionante que cantes as túas cancións e que che traten con tanto cariño.
– Deixando un pouco de lado o pasado e centrándonos un chisco máis nesta nova traxectoria de Heredeiros, como ves o futuro do grupo? Tedes xa algún proxecto entre mans?
Nunca falo demasiado do futuro, de momento imos concerto a concerto e xa veremos. De todas formas imos sacar o concerto en DVD este verán e para o natal sacaremos outro DVD coa historia do grupo. O novo disco xa é outro cantar.
-Que lles dirías a todos os cativos que comezan coa música e agardan chegar lonxe?
Que non agarden que quen espera desespera. Que toquen e que vivan cada tema coma se fose o último que fixeran e ese acorde deixara un eco na eternidade.
-E xa para rematar, darche as grazas por toda a túa axuda e colaboración. As túas últimas palabras queremos que lle las adiques aos teus fans, que viviron, e seguirán vivindo, toda a traxectoria de Heredeiros con gran intensidade.
A Saúde é o solar da alegría.

Non hai comentarios

No comments yet.

RSS feed for comments on this post.

Sorry, the comment form is closed at this time.